segunda-feira, 1 de setembro de 2008

ASINA O MANIFESTO!

MANIFESTO DA MASA CRÍTICA LUCENSE

A Masa Crítica é unha "coincidencia organizada" de ciclousuarios que realizan un paseo colectivo pola cidade reivindicando o uso da mesma como medio de transporte ecolóxico, económico e saudable, demandando da Administración Local un compromiso real coa mobilidade sostible e ecolóxica na nosa localidade que contribúa a reducir a contaminación atmosférica e acústica na cidade, facendo desta un espazo máis limpo, humano e respectuoso co presente e devir do noso ecosistema.

En España, as emisións de gases de efecto invernadoiro directamente ligadas ao sector transporte creceron máis dun 80% dende 1995, aproximadamente o dobre que o crecemento global de tales emisións, ata superar a cuarta parte do total. O uso compulsivo do automóbil é un dos maiores responsables do crecemento desbocado das emisións de gases de efecto invernadoiro, da perda de habitabilidade das cidades -grandes e pequenas-, do enorme gasto de tempo provocado polos atoamentos, de que a rúa deixara de ser un lugar transitable para nenos e anciáns, da deterioración de boa parte dos nosos monumentos e lugares de encontro tradicionais e da gran tensión á que viven sometidos os habitantes das cidades.

A bicicleta é, con moito, e malia o seu inmerecido ostracismo, o vehículo máis eficiente e mellor adaptado á mobilidade urbana. A grande maioría dos desprazamentos urbanos non superan os 10 quilómetros, unha distancia perfectamente asumible por un ciclista. A bicicleta, ademais, está completamente libre de emisións nocivas, non fai ruído, é saudable, a penas si ocupa espazo urbano circulando ou aparcada e non necesita custosas infraestruturas.

O colectivo Masa Crítica de Lugo establece como prioritarias unha listaxe de medidas que contribúan a facilitar e fomentar o uso da bicicleta na nosa cidade:

1. A instalación de enganches para bicicleta fronte a polideportivos, bibliotecas, colexios, centros culturais, estacións de autobuses e tren e ,en xeral, no resto dos puntos neurálxicos da cidade.

2. A sinalización de carrís bici para unir os barrios periféricos co centro da cidade e dun que circunde a mesma, para permitir a circulación de bicicletas con seguridade.

3. A sinalización dun carril bici nas rúas peonís, para controlar tamén o tráfico de bicicletas.

4. Campañas de educación vial para condutores de automóbiles, ciclistas e peóns, para que entre todos sexamos capaces de transformar Lugo para mellor, respectarnos uns a outros e utilizar as bicicletas con seguridade.

5. Promocionar e apoiar paralelamente outros medios de transporte alternativos ao coche privado como o transporte público, así como promover a súa compatibilidade e complementariedade coa bicicleta.

6. Elaborar un plan de mobilidade no que o automóbil privado non sexa a única alternativa. Como moito, anúncianse plans de fomento do transporte público e, ao final do documento, faise unha breve mención da bicicleta, sen plans nin compromisos concretos, nin moito menos un presuposto minimamente digno, quizais para cumprir sobre o papel con algún compromiso político adquirido nalgún foro nacional ou internacional, como a Carta de Aalborg ou a Semana Europea da Mobilidade.


Nome
Apelidos
DNI
E-mail

Image Verification
Please enter the text from the image

[ Refresh Image ] [ What's This? ]