terça-feira, 16 de junho de 2009

Aumenta o uso da bicicleta e do transporte público na USC


A mobilidade sostible comeza a calar entre a comunidade universitaria, que nun ano diminuíu nun 15 % o uso do coche para os seus desprazamentos. Os datos, de 2008, sinalan ademais que para desprazarse aos centros docentes os estudantes e traballadores da USC optaron polo autobús e a bicicleta, cuxos usos se duplicaron.

Cada ano a Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC, dependente da Vicerreitoría de Calidade e Planificación, desenvolve un estudo para coñecer os diferentes hábitos de transporte dos estudantes, PDI e PAS nos campus de Lugo e Santiago. Da enquisa, realizada nesta ocasión a 1.297 membros da comunidade universitaria, despréndese que máis da metade se desprazan aos campus a pé, o 33’6% en coche e o 23’8% en autobús. E aínda que o uso da bicicleta se duplicou entre o persoal universitario, a porcentaxe segue a ser escasa, só o 3’5%.

O estudo tamén amosa que existen diferenzas de hábitos entre colectivos. Mentres que os estudantes se desprazan fundamentalmente a pé, o automóbil é o medio de transporte que máis empregan o persoal docente e investigador e o persoal de administración e servizos, aducindo maioritariamente vantaxes de comodidade e rapidez. En Lugo, os usuarios de bus falan do seu prezo asequible fronte a outros medios de transporte.

Mobilidade sostible na USC
O estudo forma parte das diversas iniciativas que dende o Plan de Desenvolvemento Sostible se está a desenvolver para fomentar unha mobilidade sostible e entre as que destacan o programa ‘Comparte coche na USC’, o préstamo de bicicletas e unha web interactiva onde se ofrece información sobre as liñas de autobuses que paran nos diferentes edificios universitarios. Atópase tamén no web unha ruta en bicicleta unindo os distintos campus de Santiago.

Bookmark and Share

1 comentário:

Santiago Quiroga García disse...

O certo é que se ve a un montón de peña coa bici da USC. Quizais teñan que comezar a dar exemplo o reitor que ten un audi bastante ben equipado.

Por certo, esta nova que subín atopeina na web da USC, por se a algúen lle apetece mergullarse e obter mais info.

Saúdos xente!